jueves, 26 de febrero de 2026

DEIXANDO VOAR A IMAXINACIÓN

Hoxe, despois de moito esforzo e concentración, decidimos dedicar un anaquiño ao final da clase a unha actividade diferente, centrada na creatividade e no xogo construtivo.

Nesta ocasión, o alumnado puido explorar libremente distintos materiais do aula: Kapla, construcións LEGO e construcións magnéticas.

Os bloques de Kapla, pequenas pezas de madeira idénticas, permiten crear estruturas sorprendentes traballando o equilibrio, a precisión e a paciencia. Pola súa banda, as construcións LEGO ofrecen infinitas posibilidades de deseño, estimulando a planificación, a resolución de problemas e a imaxinación. As pezas magnéticas, tan atractivas e versátiles, facilitan a creación de formas tridimensionais, favorecendo a comprensión espacial e a experimentación.

Foi un tempo para crear sen límites, para probar, equivocarse, reconstruír e compartir ideas. A aula converteuse nun espazo de cooperación, enxeño e entusiasmo.

Porque aprender tamén significa explorar, inventar e gozar do proceso. 









miércoles, 25 de febrero de 2026

PAUSAS ACTIVAS

No segundo ciclo de primaria vivimos xornadas intensas: lectura, escritura, cálculo, resolución de problemas, proxectos… O cerebro do noso alumnado traballa a pleno rendemento. Por iso, ao longo do día introducimos descansos activos, pequenas pausas de movemento consciente que nos axudan a seguir aprendendo mellor.

Por que son necesarios?

Desde unha perspectiva pedagóxica, o movemento non é unha interrupción, senón un aliado da aprendizaxe:

  • Autorregulación e atención: Tras períodos de concentración sostida, a activación física facilita a recuperación da atención e reduce a fatiga cognitiva. O alumnado volve á tarefa máis centrado e dispoñible.
  • Función executiva: Actividades breves de coordinación, ritmo ou equilibrio estimulan procesos como a memoria de traballo, a inhibición e a flexibilidade cognitiva.
  • Benestar emocional: O movemento reduce tensións, mellora o estado de ánimo e favorece un clima de aula máis positivo.
  • Aprendizaxe integral: O corpo forma parte do proceso educativo. Aprender implica emoción, cognición e acción.

Que facemos nos descansos activos?

Propoñemos dinámicas curtas (2–5 minutos), adaptadas á idade:

  • Estiramentos e mobilidade articular.
  • Xogos de coordinación e lateralidade.
  • Retos de ritmo e percusión corporal.
  • Pequenas coreografías ou imitacións

Estas propostas non só activan o corpo, senón que tamén reforzan habilidades como o seguimento de instrucións, o control inhibitorio e o traballo cooperativo.

Un dos momentos máis especiais do día é cando cantamos a nosa canción de aula. Pode parecer unha rutina sinxela, pero encerra un enorme valor educativo.

 Lectoescritura en acción

Conciencia fonolóxica: O ritmo e a melodía axudan a identificar sons, sílabas e patróns lingüísticos.

Fluidez lectora: Ler a letra mentres se canta reforza entoación, prosodia e automatización.

Memoria verbal: A repetición musical favorece a retención de vocabulario e estruturas.

Cohesión grupal e identidade

Sentido de pertenza: Compartir unha canción fortalece a identidade de grupo.

Vínculo emocional: A música xera conexión afectiva e clima de confianza.

Inclusión: Todos e todas participan desde as súas posibilidades, promovendo a igualdade e o respecto.

En resumo

Os descansos activos e a canción de aula forman parte dunha visión educativa que entende que:

  • O movemento mellora a atención e o rendemento,
  • A emoción e o benestar son condicións para aprender.
  • A música é unha poderosa ferramenta cognitiva e social

Seguimos traballando para que a escola sexa un espazo onde aprender, sentir e moverse vaian sempre da man.

Grazas, familias, por acompañarnos neste camiño!

lunes, 16 de febrero de 2026

RESUMO TEMA 4 CIENCIAS SOCIAIS


No Tema 4 de Ciencias Sociais imos coñecer mellor o lugar onde vivimos:

Durante este tema aprenderemos…

  • Onde está Galicia.
  • As súas provincias.
  • Os seus símbolos

Descubriremos que Galicia forma parte de España e que ten identidade propia.

A poboación de Galicia:

  • Cantas persoas viven aquí.
  • Onde vive a xente.
  • Como se distribúe

Veremos que hai zonas máis poboadas e outras con menos habitantes.

As aldeas e as vilas

As aldeas

  • Poucas casas.
  • Moita natureza.
  • Actividades do campo

As vilas

  • Máis habitantes.
  • Máis servizos.
  • Comercios e prazas
Compararemos como é a vida en cada lugar.

Tipos de vilas e cidades

  • Vilas pequenas.
  • Vilas grandes.
  • Cidades

Analizaremos as súas características:

  • edificios,
  • tráfico,
  • servizos,
  • número de habitantes

Como se goberna a localidade?

  • Que é o concello.
  • Quen toma decisións.
  • O alcalde ou alcaldesa

Aprenderemos como se organiza o noso municipio e o servizos que nos dá o concello.

  • Limpeza.
  • Parques.
  • Policía local.
  • Biblioteca.
  • Iluminación
Descubriremos por que son tan importantes.

Que faremos en clase?

  • Actividades.
  • Resumos.
  • Debuxos.
Será un tema moi interesante, porque fala do noso entorno.

Seguide atentos ao blog para ver os nosos traballos! 









RESUMO TEMA 4 OS ECOSISTEMAS: NATURAIS


No Tema 4 de Naturais imos adentrarnos nun mundo fascinante: os ecosistemas.

Durante as próximas semanas aprenderemos…

Que é un ecosistema? Descubriremos que un ecosistema é o lugar onde viven os seres vivos e como animais, plantas, auga, solo e climaestán conectados.

Relacións de alimentación.

Veremos quen come a quen na natureza:

  • Cadeas alimentarias.
  • Produtores (plantas).
  • Consumidores (animais).
  • Descompoñedores.

Aprenderemos que todos dependen uns doutros.

Outras relacións nos ecosistemas xa que non todo é comer!  Por iso tamén estudaremos: a axuda entre seres vivos, a competencia, a protección, a convivencia ... Porque na natureza… todo está relacionado.

Viaxaremos por diferentes ambientes: bosque, deserto, ecosistema mariño, lagoa ou río e coñeceremos os seres vivos que habitan en cada un.

Que imos facer en clase?

  • Actividades.
  • Debuxos.
  • Pequenas investigacións.
  • Xogos e esquemas

Estamos segurss de que será un tema moi interesante e divertido!

Seguide atentos ao blog para ver os nosos traballos.














RESUMO TEMA 7 LÍNGUA GALEGA


PERSONIFICACIÓN - COMPARACIÓN
 

RESUMO TEMA 7 CASTELÁN

 











SINGULAR Y PLURAL

lunes, 9 de febrero de 2026

UN RATO CON PERSPECTIVA.

Nesta ocasión realizamos unha actividade plástica na que partimos dunha mesma imaxe dun rato. O reto era  decorar e recortar a figura para conseguir que a cara do animal tivese volume, empregando diferentes técnicas e decisións persoais.

A imaxe inicial era igual para todo o alumnado, pero moi pronto quedou claro que o resultado final ía ser ben distinto. Cada neno e nena escolleu como decorar, que cores empregar, como recortar e como dobrar ou superpoñer partes para lograr ese efecto de volume. Así, pouco a pouco, foron aparecendo ratos moi diferentes entre si, todos con identidade propia .

Esta actividade permitiunos traballar a motricidade fina, a observación e a creatividade, pero tamén algo moi importante: entender que non hai unha única maneira correcta de crear. A partir dunha mesma proposta, cada obra reflicte a personalidade, os gustos e a maneira de facer de quen a realizou.

Do mesmo xeito que na actividade do tiburón, volvemos comprobar que a arte é un espazo onde a diversidade é unha riqueza. Todos partimos do mesmo punto, pero cada creación conta unha historia diferente… e todas merecen ser valoradas .








UN MESMO MATERIAL, MOITAS IDEAS DIFERENTES.

Na aula realizamos unha actividade plástica especial na que o alumnado empregou xornais vellos para crear unha composición artística na que o protagonista era… un tiburón. A premisa era clara e común para todos, pero o resultado demostrou algo moi importante: cando deixamos voar a imaxinación, non hai dúas obras iguais.

Partindo do mesmo material e da mesma idea inicial, cada neno e nena tomou decisións propias: como recortar, como pegar, que forma darlle ao tiburón, que detalles destacar… Así, pouco a pouco, foron xurdindo tiburóns grandes e pequenos, tranquilos ou máis atrevidos, realistas ou cheos de fantasía .

Esta actividade axudounos a comprender que a creatividade non é copiar, senón interpretar, probar e atreverse a facer algo persoal. Tamén aprendemos que non hai unha única maneira correcta de crear, e que a diversidade de resultados é unha riqueza que enche a aula de cor e de ideas.

Traballar con materiais reutilizados, como os xornais , fíxonos ademais reflexionar sobre a importancia de darlles unha segunda vida ás cousas, coidando o noso contorno mentres creamos arte .

O máis bonito foi comprobar que, aínda que todos comezamos no mesmo punto, cada obra conta unha historia diferente, igual que cada persoa ten a súa maneira única de ver o mundo. E iso é, sen dúbida, unha das mellores aprendizaxes que nos deixa a educación artística .





FAREIROS E FAREIRAS: AS PERSOAS QUE COIDABAN DA LUZ.

No noso proxecto sobre os faros xa descubrimos para que serven, onde están e como funcionan. Pero agora damos un paso máis importante: coñecer ás persoas que estiveron detrás desa luz, os fareiros e fareiras.

Ser fareiro ou fareira non era un traballo calquera. Vivían en lugares afastados, preto do mar, moitas veces illados, co vento como veciño e as ondas como banda sonora. A súa misión era moi importante: manter o faro sempre aceso para guiar aos barcos e evitar naufraxios. Se a luz se apagaba… podía haber un gran perigo .

Moitas destas persoas tiveron vidas sorprendentes, cheas de esforzo, valentía e historias curiosas que parecen sacadas dun conto… pero foron reais.


OS CONTOS

Na aula imos traballar a escrita de contos, unha tarefa que vai moito máis alá de xuntar palabras nun papel. 

Escribir contos axuda ao alumnado a ordenar ideas, expresar emocións, ampliar vocabulario e desenvolver a imaxinación, pero tamén a pensar con claridade e a comunicar mellor o que queren dicir.

Cando un neno ou nena escribe un conto, está poñendo en marcha moitas habilidades ao mesmo tempo: pensa unha historia, decide que é importante, organiza o que vai pasar primeiro e o que virá despois, e aprende a revisar o que escribe. É dicir, aprende a pensar escribindo .

Para axudarnos neste proceso, comezamos por coñecer as partes dun conto, porque escribir tamén é ter unha estrutura clara. Igual que unha casa precisa cimentos, paredes e tellado, un conto necesita unhas partes ben definidas.





As partes dun conto:

  • Inicio: presentamos os personaxes, o lugar e a situación inicial.
  • Nó (ou problema): algo sucede e a historia complícase.
  • Desenlace: resólvese o problema e péchase o conto.
Coñecer esta estrutura axúdalles a non perderse cando escriben e a facer historias máis completas e comprensibles.

Porque escribir contos non é só para ser escritores: é para aprender a expresarse mellor, a confiar no que un pensa… e tamén para pasalo ben creando mundos imaxinarios


REPASO TEMA 6 LENGUA CASTELLANA

GÉNERO Y NÚMERO 

MASCULINO Y FEMENINO

MASCULINO Y FEMENINO

PALABRAS TERMINADAS EN -Y

PALABRAS TERMINADAS EN -y

DIMINUTIVOS Y AUMENTATIVOS

AUMENTATIVOS Y DIMINUTIVOS

jueves, 5 de febrero de 2026

MÁIS TÁBOAS


Por que é importante aprender ben as táboas de multiplicar?

Na aula estamos a dedicar tempo e esforzo a aprender as táboas de multiplicar, e sabemos que ás veces xorden dúbidas nas familias:

É necesario memorizalas? Non é mellor comprender que repetir?

A resposta é clara: comprender e memorizar non son opostos, senón aliados.

As táboas de multiplicar non se aprenden “porque si”. Son unha ferramenta básica que o alumnado vai empregar durante toda a súa vida escolar (e tamén fóra dela). Cando un neno ou nena coñece as táboas con seguridade, pode pensar mellor, resolver problemas con máis rapidez e centrarse no razoamento, non só no cálculo.

Que achega a aprendizaxe memorística das táboas?

  • Axiliza o pensamento matemático: se non hai que parar a calcular cada vez canto é 6×7, o cerebro queda libre para entender o problema.
  • Aumenta a seguridade e a confianza: saber as táboas evita frustracións e bloqueos.
  • Reduce a carga cognitiva: a memoria automática permite afrontar tarefas máis complexas sen sentirse desbordado.
  • É unha base imprescindible para a división: non se pode dividir con soltura se non se recoñecen con rapidez as multiplicacións inversas. A división non é máis que “pensar ao revés” a multiplicación.

É importante lembrar que memorizar non significa repetir sen sentido. Na aula traballamos as táboas con xogos, ritmo, cancións, retos, materiais manipulativos e comprensión previa. Pero chega un momento no que a práctica e a repetición son necesarias, igual que pasa ao aprender a ler con fluidez ou a montar en bicicleta sen rodas.

 E para a división… son imprescindibles

Cando o alumnado comeza coas divisións, quen domina as táboas avanza con máis facilidade. Quen non, tende a perderse nos cálculos e a esquecer o verdadeiro obxectivo: entender o que está facendo.

Por iso insistimos tanto nelas. Non por tradición nin por costume, senón porque son unha chave fundamental para o éxito matemático nas etapas posteriores.

Así que si: aprender as táboas require esforzo, constancia e algo de memoria… pero tamén dá froitos duradeiros.
E cando un neno di con orgullo “xa sei a do 7!”, iso tamén é aprendizaxe .

CONCERTO DIDÁCTICO



Saída didáctica: A viaxe de Walt coa Sinfonía de Galicia.

Recentemente tivemos a oportunidade de vivir unha experiencia musical moi especial: asistir ao concerto A viaxe de Walt interpretado pola Orquesta Sinfónica de Galicia no Palacio da Ópera de A Coruña. Foi unha saída que combinou arte, emoción e aprendizaxe, e que quedará nos nosos recordos! 

A Orquesta Sinfónica de Galicia é unha das orquestras máis importantes de España, fundada en 1992 e con sede en A Coruña. Desde entón, promove a música clásica e contemporánea, achegándoa a públicos de todas as idades, especialmente ao público escolar através de iniciativas didácticas que fomentan a comprensión musical e a educación artística. 

O concerto A viaxe de Walt foi un espectáculo familiar pensado especialmente para o alumnado. A historia levounos a viaxar xunto a dous irmáns, Walt e Diana, que atopan un proxector máxico nun cine abandonado e viven a aventura de rescatar a Diana a través das películas máis queridas da factoría Disney. Esta proposta combina música sinfónica con narrativa, facendo a experiencia en directo máis accesible, divertida e significativa para nós. 

Foi emocionante escoitar aos músicos tocar en directo, ver como se constrúe unha peza musical e sentir como unha orquestra enteira pode crear sons tan variados e fermosos. Ademais, vivimos tamén a oportunidade de escoitar o silencio respectuoso do público e aprender a apreciar a música de forma activa e participativa, algo que non sempre nos achegamos a sentir nas aulas. 

Saír a vivir a cultura de forma tan directa é, sen dúbida, unha experiencia que enriquece o noso coñecemento artístico e fortalece o noso gusto pola música. Xa estamos contándolle aos compañeiros que aínda non foron… e esperamos repetir ben prontiño!



domingo, 25 de enero de 2026

UN OBRADOIRO PARA FACER SOAR A TRADICIÓN

Estes días tivemos a sorte de participar nun obradoiro moi especial no que puxemos as mans, os oídos e a curiosidade. Da man de Emilio Romero Fabal, achegámonos ao mundo dos instrumentos tradicionais e aprendemos que a música tamén se pode construír pouco a pouco… e con materiais ben sinxelos.

Durante o obradoiro elaboramos un carrizo, un instrumento musical de percusión feito con canas de bambú, gomas e lixa. Lixar, suxeitar, probar, volver lixar... Aprendemos que para que un instrumento soe ben hai que ter paciencia e coidar cada paso.

Emilio tamén nos falou doutros instrumentos tradicionais como o pandero, a pandeira e a pandereta, explicándonos as diferenzas entre eles e como se empregan na música popular. Un dos momentos que máis nos sorprendeu foi cando nos mostrou pel de cabra, o material co que se elaboran as panderetas de maneira tradicional, e incluso nos deu un anaco para poder observalo e tocalo. Toda unha experiencia! 

Explicounos paso a paso como fai el mesmo as panderetas, desde a preparación da madeira ata a colocación da pel, facéndonos ver o valor do traballo artesanal e do saber que pasa de xeración en xeración.

E por se todo isto fose pouco, Emilio levou tamén unha buguina, que fixo soar diante de nós deixando a aula en silencio absoluto, e cunhas caras de sorpresa impresionantes. Explicounos que a buguina é un instrumento feito a partir dunha cuncha mariña, usado desde hai moitísimos anos en zonas costeiras. Antigamente empregábase para avisar, chamar á xente ou enviar sinais, xa que o seu son é moi potente e pode escoitarse a longa distancia. Unha curiosidade que nos encantou foi saber que non todas as cunchas soan igual e que hai que saber cortalas e soprar dun xeito moi concreto para que a buguina “cobre vida”.

Foi un obradoiro no que non só aprendemos música, senón tamén respecto pola tradición, polos materiais e polo tempo que leva crear algo coas propias mans. E, por suposto, saímos con ganas de facer soar os nosos carrizos e seguir descubrindo o marabilloso mundo da música tradicional.

































RECREO CON CHOIVA

Hai días nos que o ceo decide que é mellor quedar baixo teito. Nun deses recreos pasados por auga, non puidemos saír ao patio por culpa das inclemencias meteorolóxicas. Pero xa se sabe: cando non hai patio… hai creatividade a moreas na aula.

Aproveitamos ese tempo para facer uso dos materiais dos polos creativos que temos dispoñibles, e o recreo transformouse nun espazo de xogo, aprendizaxe e moita concentración.

Un dos grandes protagonistas foi o Kapla, un xogo de construción que, con pezas todas iguais, permite crear estruturas sorprendentes. Traballamos o equilibrio, a paciencia, a coordinación e a planificación. Porque no Kapla non vale correr: se te apuras… a torre cae (e hai que volver empezar, que tamén é aprender.

Tamén houbo tempo para as construcións de Lego, onde a imaxinación non ten límites. Casas, robots, vehículos imposibles… Cada creación é diferente e fomenta a creatividade, a resolución de problemas e o xogo cooperativo.

Para quen preferiu un momento máis tranquilo, o debuxo libre converteuse nun espazo para expresar ideas, emocións e historias a través das cores e das formas. Debuxar tamén é pensar, crear e comunicarse.

E non podían faltar as construcións con bloques magnéticos, que permiten experimentar con formas xeométricas, volumes e estruturas dun xeito manipulativo e moi atractivo. Aquí a ciencia e o xogo danse a man.

Así foi o noso recreo sen patio: diferente, creativo e moi aproveitado. Porque ás veces a choiva impide saír fóra… pero abre a porta a novas maneiras de xogar e aprender dentro.