domingo, 25 de enero de 2026

UN OBRADOIRO PARA FACER SOAR A TRADICIÓN

Estes días tivemos a sorte de participar nun obradoiro moi especial no que puxemos as mans, os oídos e a curiosidade. Da man de Emilio Romero Fabal, achegámonos ao mundo dos instrumentos tradicionais e aprendemos que a música tamén se pode construír pouco a pouco… e con materiais ben sinxelos.

Durante o obradoiro elaboramos un carrizo, un instrumento musical de percusión feito con canas de bambú, gomas e lixa. Lixar, suxeitar, probar, volver lixar... Aprendemos que para que un instrumento soe ben hai que ter paciencia e coidar cada paso.

Emilio tamén nos falou doutros instrumentos tradicionais como o pandero, a pandeira e a pandereta, explicándonos as diferenzas entre eles e como se empregan na música popular. Un dos momentos que máis nos sorprendeu foi cando nos mostrou pel de cabra, o material co que se elaboran as panderetas de maneira tradicional, e incluso nos deu un anaco para poder observalo e tocalo. Toda unha experiencia! 

Explicounos paso a paso como fai el mesmo as panderetas, desde a preparación da madeira ata a colocación da pel, facéndonos ver o valor do traballo artesanal e do saber que pasa de xeración en xeración.

E por se todo isto fose pouco, Emilio levou tamén unha buguina, que fixo soar diante de nós deixando a aula en silencio absoluto, e cunhas caras de sorpresa impresionantes. Explicounos que a buguina é un instrumento feito a partir dunha cuncha mariña, usado desde hai moitísimos anos en zonas costeiras. Antigamente empregábase para avisar, chamar á xente ou enviar sinais, xa que o seu son é moi potente e pode escoitarse a longa distancia. Unha curiosidade que nos encantou foi saber que non todas as cunchas soan igual e que hai que saber cortalas e soprar dun xeito moi concreto para que a buguina “cobre vida”.

Foi un obradoiro no que non só aprendemos música, senón tamén respecto pola tradición, polos materiais e polo tempo que leva crear algo coas propias mans. E, por suposto, saímos con ganas de facer soar os nosos carrizos e seguir descubrindo o marabilloso mundo da música tradicional.

































No hay comentarios:

Publicar un comentario