Mostrando entradas con la etiqueta PROXECTO COMPETENCIAL. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta PROXECTO COMPETENCIAL. Mostrar todas las entradas

lunes, 2 de noviembre de 2026

Que levamos ao espazo? Unha misión para aprender a decidir en equipo.

O alumnado de 4º de Educación Primaria continúa a súa aventura espacia. Dentro da área de Proxecto Competencial, e en conexión co noso Proxecto Documental Integrado (PDI) Couceiro Star: unha escola entre estrelas, desenvolvemos unha nova actividade que nos convida a reflexionar, dialogar e tomar decisións de maneira cooperativa.

Nesta ocasión, a nosa misión parte dunha pregunta aparentemente sinxela: Que necesitariamos levar se tivésemos que realizar unha viaxe ao espazo? 

Preparando a equipaxe espacial

Para resolver este reto, o alumnado, organizado en pequenos equipos, debe analizar diferentes obxectos que poderían formar parte da equipaxe dunha misión espacial: auga, alimentos, osíxeno, roupa, ferramentas, medicamentos, libros, xoguetes, dispositivos electrónicos e moitos outros.

A partir de tarxetas ilustradas, cada equipo ten que clasificar os obxectos en tres categorías:

  • Imprescindible: aquilo que consideramos necesario para vivir e desenvolver a misión.

  • Útil: elementos que poden facilitarnos a vida ou o traballo no espazo.

  • Non necesario: obxectos dos que poderiamos prescindir durante a viaxe.

Pero a actividade vai moito máis alá dunha simple clasificación.

  1. Aprendemos a pensar, dialogar e chegar a acordos

O verdadeiro desafío consiste en escoitar as opinións dos compañeiros e compañeiras, defender as propias ideas con argumentos e chegar a decisións compartidas.

  • É imprescindible levar un libro?
  • Podería resultar útil unha planta? 
  • Que fariamos cun teléfono móbil no espazo? 

Todas estas preguntas favorecen a reflexión e permiten descubrir que unha mesma decisión pode valorarse desde diferentes perspectivas.

Nesta misión non buscamos que todos os equipos dean exactamente as mesmas respostas, senón que sexan capaces de explicar por que tomaron determinadas decisións.

Deste xeito, traballamos aprendizaxes fundamentais da área de Proxecto Competencial, como o pensamento crítico, a resolución de problemas, a comunicación oral, a cooperación, a negociación e a toma responsable de decisións.

2. Unha misión na que todas e todos temos algo que achegar

A actividade está deseñada para favorecer a participación de todo o alumnado mediante materiais visuais, tarefas manipulativas e diferentes posibilidades de intervención, respectando os distintos ritmos e necesidades de aprendizaxe.

Porque nunha misión espacial, igual que na nosa escola, cada integrante do equipo é importante e todas as achegas contan.

3. Aprender mirando cara ás estrelas

A través de propostas como esta, o noso PDI convértese nun fío condutor que permite conectar o coñecemento do universo co desenvolvemento de competencias útiles para a vida cotiá.

O espazo é o escenario da nosa aventura, pero as aprendizaxes van moito máis alá dos planetas, das estrelas ou das naves espaciais.

Aprender a escoitar, argumentar, respectar diferentes opinións e construír solucións colectivas tamén forma parte da preparación dunha boa tripulación.

En Couceiro Star seguimos avanzando na nosa misión espacial, porque para chegar lonxe non só precisamos unha nave... tamén necesitamos aprender a traballar xuntos! 









miércoles, 30 de septiembre de 2026

PROXECTO COMPETENCIAL.

UNHA NOVA MISIÓN PARA 4º DE PRIMARIA: PREPARADOS PARA DESPEGAR?

As nosas aulas están a piques de converterse nun auténtico centro de control espacial!

Este curso, desde a área de Proxecto Competencial, recibimos unha misión moi especial: investigar, descubrir, crear e aprender xuntos mentres viaxamos polo universo.

E, para comezar esta aventura, recibimos a nosa carta da misión.

Que nos conta a carta?

Na carta explicámoslles que foron seleccionados para formar parte dunha gran tripulación espacial. Ao longo do curso deberán superar diferentes retos e misións que lles permitirán prepararse para a súa viaxe polo espazo.

Non será unha viaxe na que simplemente teñamos que aprender cousas de memoria. Será unha aventura na que teremos que:
  • Investigar para descubrir novas cousas.  
  • Crear e buscar solucións orixinais.  
  • Cooperar cos compañeiros e compañeiras.  
  • Superar desafíos e aprender dos erros.
Cada reto será unha pequena misión e, cada vez que consigamos superar unha misión, deixaremos constancia dela no noso pasaporte espacial. 

Unha tripulación que aprende xunta

Nesta aventura teremos que traballar como unha verdadeira tripulación. Iso significa que será moi importante escoitar as ideas dos demais, repartir tarefas, axudarnos, tomar decisións, resolver problemas e aprender a traballar en equipo. Porque no espazo, igual que na escola, chegamos moito máis lonxe cando colaboramos.

O noso pasaporte espacial

O Pasaporte Espacial será o recordatorio de todo o que iremos conseguindo ao longo do curso. Cada misión superada terá o seu selo ou rexistro e, pouco a pouco, iremos enchendo o noso pasaporte coas experiencias, aprendizaxes e retos que consigamos superar.
Será a nosa maneira de mirar atrás e dicir:

Mira todo o que conseguimos.

Unha aventura que acaba de comezar...

Esta misión está pensada para que o alumnado sexa protagonista da súa propia aprendizaxe. Queremos que teñan curiosidade, que se fagan preguntas, que investiguen, que propoñan ideas e que descubran que aprender tamén pode ser unha auténtica aventura. E, por suposto, as familias tamén forman parte da tripulación. Acompañar, preguntar, escoitar as súas descubrimentos e animarlles cando apareza un desafío será unha estupenda maneira de formar parte desta viaxe.
Así que xa temos todo preparado...
  • Centro de control: activado.
  • Tripulación: preparada. 
  • Pasaporte espacial: en marcha.
  • Motor de aprendizaxe: a toda potencia!
Estamos preparados para despegar?