Mostrando entradas con la etiqueta Novidades. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Novidades. Mostrar todas las entradas

viernes, 8 de mayo de 2026

RADIO FALANGUEIRA: LETRAS GALEGAS 2026

Con motivo da próxima celebración do Día das Letras Galegas 2026, o alumnado de 3º participou na gravación dun audio moi especial para a nosa radio escolar. Nesta ocasión, o programa estivo dedicado á figura de Begoña Caamaño, escritora, xornalista e muller comprometida coa lingua e coa cultura galega.

O Día das Letras Galegas celébrase cada ano o 17 de maio e é unha data moi importante para todas e todos nós. É un día para poñer en valor a nosa lingua, lembrar a importancia de falala, coidala e transmitila, e coñecer mellor a obra das persoas que contribuíron á literatura e á cultura de Galicia.

Neste audio, o alumnado achegounos dun xeito claro, divertido e moi didáctico á vida e ao legado de Begoña Caamaño. Faláronnos da súa relación co galego, do seu traballo na radio e no xornalismo, da importancia das palabras e do papel das mulleres nas historias. Tamén nos lembraron que o galego serve para contar, pensar, emocionar, aprender e soñar.

Cómpre destacar o gran traballo realizado polos nenos e nenas. Fixérono incriblemente ben: leron con claridade, respectaron as quendas, puxeron entusiasmo nas súas voces e conseguiron transmitir a importancia desta celebración. Foi unha experiencia moi bonita, na que demostraron que tamén desde a escola podemos facer que o galego soe con forza, alegría e orgullo.

Parabéns a todas e todos os participantes polo seu esforzo, pola súa ilusión e por facer da nosa radio escolar un espazo vivo para compartir aprendizaxes.

Premede no audio e gozade deste programa especial das Letras Galegas 2026!

lunes, 2 de marzo de 2026

UN VENRES DIFERENTE NA BIBLIOTECA

Este venres fomos á biblioteca da escola para pechar a semana cunha actividade tranquila e moi agradable. Aproveitamos a visita para cambiar os libros e escoller novas lecturas para os vindeiros días, fomentando así o gusto pola lectura e a curiosidade por historias diferentes.

Despois, tamén tivemos tempo para xogar un ratiño e desfrutar dos distintos recunchos. Cada quen escolleu o que máis lle apetecía:

No recuncho Fedello algúns estiveron entretidos con construcións de LEGO pequenas, practicando a paciencia, a concentración e a creatividade.

Outros preferiron as construcións con LEGO (máis grandes), inventando estruturas e compartindo ideas.

E tamén houbo quen escolleu un momento máis calmiño para debuxar e deixar voar a imaxinación.

Foi unha mañá moi completa, na que ademais de ler, traballamos a autonomía (escoitar, elixir, coidar o material), a convivencia e o respecto polos espazos comúns. Unha forma perfecta de rematar a nosa semana na aula, con calma, liberdade de elección e moitas ganas de volver repetir.

A próxima semana continuaremos gozando das novas lecturas que trouxemos da biblioteca!




























UN PAR DE OLLOS... E MIL IDEAS DIFERENTES!

Esta semana na aula realizamos unha actividade moi especial e sinxela á vez: cada neno e nena recibiu unha folla na que só aparecía un par de ollos. A partir deles, tiñan que completar o debuxo como quixeran. Podían crear animais, persoas, seres imaxinarios, personaxes fantásticos… o único “punto de partida” eran eses ollos. E o resultado foi marabilloso: apareceron creacións realmente sorprendentes e moi imaxinativas.

Por que fixemos esta actividade?

Escollimos esta proposta porque é unha maneira moi potente de traballar a creatividade sen poñer límites nin modelos que copiar. Cando o alumnado parte dunha folla “case baleira”, non hai unha resposta correcta nin unha idea mellor ca outra: cada debuxo convértese nunha expresión persoal. Isto axuda a que se sintan libres para probar, inventar e confiar no que imaxinan.

Ademais, esta actividade permite traballar moitas habilidades importantes:

  • Estimula a imaxinación e o pensamento diverxente, é dicir, a capacidade de xerar ideas diferentes a partir dunha mesma proposta.
  • Reforza a autoestima e a seguridade, porque cada creación é única e válida, e todas teñen un valor.
  • Desenvolve a expresión artística e emocional: ás veces, a través dun debuxo tamén se expresan estados de ánimo, gustos, medos ou ilusións.
  • Practica a motricidade fina e o control do trazo, fundamentais para o desenvolvemento da escritura.
  • Favorece a comunicación, xa que despois moitos quixeron contar quen era o seu personaxe ou que historia había detrás del.

En resumo, con algo tan pequeno como un par de ollos conseguimos abrir unha porta enorme á creatividade. Foi unha actividade lixeira e divertida, pero cun fondo educativo moi importante: aprender a mirar máis alá do evidente e atreverse a crear.




jueves, 26 de febrero de 2026

DEIXANDO VOAR A IMAXINACIÓN

Hoxe, despois de moito esforzo e concentración, decidimos dedicar un anaquiño ao final da clase a unha actividade diferente, centrada na creatividade e no xogo construtivo.

Nesta ocasión, o alumnado puido explorar libremente distintos materiais do aula: Kapla, construcións LEGO e construcións magnéticas.

Os bloques de Kapla, pequenas pezas de madeira idénticas, permiten crear estruturas sorprendentes traballando o equilibrio, a precisión e a paciencia. Pola súa banda, as construcións LEGO ofrecen infinitas posibilidades de deseño, estimulando a planificación, a resolución de problemas e a imaxinación. As pezas magnéticas, tan atractivas e versátiles, facilitan a creación de formas tridimensionais, favorecendo a comprensión espacial e a experimentación.

Foi un tempo para crear sen límites, para probar, equivocarse, reconstruír e compartir ideas. A aula converteuse nun espazo de cooperación, enxeño e entusiasmo.

Porque aprender tamén significa explorar, inventar e gozar do proceso. 









miércoles, 25 de febrero de 2026

PAUSAS ACTIVAS

No segundo ciclo de primaria vivimos xornadas intensas: lectura, escritura, cálculo, resolución de problemas, proxectos… O cerebro do noso alumnado traballa a pleno rendemento. Por iso, ao longo do día introducimos descansos activos, pequenas pausas de movemento consciente que nos axudan a seguir aprendendo mellor.

Por que son necesarios?

Desde unha perspectiva pedagóxica, o movemento non é unha interrupción, senón un aliado da aprendizaxe:

  • Autorregulación e atención: Tras períodos de concentración sostida, a activación física facilita a recuperación da atención e reduce a fatiga cognitiva. O alumnado volve á tarefa máis centrado e dispoñible.
  • Función executiva: Actividades breves de coordinación, ritmo ou equilibrio estimulan procesos como a memoria de traballo, a inhibición e a flexibilidade cognitiva.
  • Benestar emocional: O movemento reduce tensións, mellora o estado de ánimo e favorece un clima de aula máis positivo.
  • Aprendizaxe integral: O corpo forma parte do proceso educativo. Aprender implica emoción, cognición e acción.

Que facemos nos descansos activos?

Propoñemos dinámicas curtas (2–5 minutos), adaptadas á idade:

  • Estiramentos e mobilidade articular.
  • Xogos de coordinación e lateralidade.
  • Retos de ritmo e percusión corporal.
  • Pequenas coreografías ou imitacións

Estas propostas non só activan o corpo, senón que tamén reforzan habilidades como o seguimento de instrucións, o control inhibitorio e o traballo cooperativo.

Un dos momentos máis especiais do día é cando cantamos a nosa canción de aula. Pode parecer unha rutina sinxela, pero encerra un enorme valor educativo.

 Lectoescritura en acción

Conciencia fonolóxica: O ritmo e a melodía axudan a identificar sons, sílabas e patróns lingüísticos.

Fluidez lectora: Ler a letra mentres se canta reforza entoación, prosodia e automatización.

Memoria verbal: A repetición musical favorece a retención de vocabulario e estruturas.

Cohesión grupal e identidade

Sentido de pertenza: Compartir unha canción fortalece a identidade de grupo.

Vínculo emocional: A música xera conexión afectiva e clima de confianza.

Inclusión: Todos e todas participan desde as súas posibilidades, promovendo a igualdade e o respecto.

En resumo

Os descansos activos e a canción de aula forman parte dunha visión educativa que entende que:

  • O movemento mellora a atención e o rendemento,
  • A emoción e o benestar son condicións para aprender.
  • A música é unha poderosa ferramenta cognitiva e social

Seguimos traballando para que a escola sexa un espazo onde aprender, sentir e moverse vaian sempre da man.

Grazas, familias, por acompañarnos neste camiño!

jueves, 5 de febrero de 2026

CONCERTO DIDÁCTICO



Saída didáctica: A viaxe de Walt coa Sinfonía de Galicia.

Recentemente tivemos a oportunidade de vivir unha experiencia musical moi especial: asistir ao concerto A viaxe de Walt interpretado pola Orquesta Sinfónica de Galicia no Palacio da Ópera de A Coruña. Foi unha saída que combinou arte, emoción e aprendizaxe, e que quedará nos nosos recordos! 

A Orquesta Sinfónica de Galicia é unha das orquestras máis importantes de España, fundada en 1992 e con sede en A Coruña. Desde entón, promove a música clásica e contemporánea, achegándoa a públicos de todas as idades, especialmente ao público escolar através de iniciativas didácticas que fomentan a comprensión musical e a educación artística. 

O concerto A viaxe de Walt foi un espectáculo familiar pensado especialmente para o alumnado. A historia levounos a viaxar xunto a dous irmáns, Walt e Diana, que atopan un proxector máxico nun cine abandonado e viven a aventura de rescatar a Diana a través das películas máis queridas da factoría Disney. Esta proposta combina música sinfónica con narrativa, facendo a experiencia en directo máis accesible, divertida e significativa para nós. 

Foi emocionante escoitar aos músicos tocar en directo, ver como se constrúe unha peza musical e sentir como unha orquestra enteira pode crear sons tan variados e fermosos. Ademais, vivimos tamén a oportunidade de escoitar o silencio respectuoso do público e aprender a apreciar a música de forma activa e participativa, algo que non sempre nos achegamos a sentir nas aulas. 

Saír a vivir a cultura de forma tan directa é, sen dúbida, unha experiencia que enriquece o noso coñecemento artístico e fortalece o noso gusto pola música. Xa estamos contándolle aos compañeiros que aínda non foron… e esperamos repetir ben prontiño!



domingo, 25 de enero de 2026

UN OBRADOIRO PARA FACER SOAR A TRADICIÓN

Estes días tivemos a sorte de participar nun obradoiro moi especial no que puxemos as mans, os oídos e a curiosidade. Da man de Emilio Romero Fabal, achegámonos ao mundo dos instrumentos tradicionais e aprendemos que a música tamén se pode construír pouco a pouco… e con materiais ben sinxelos.

Durante o obradoiro elaboramos un carrizo, un instrumento musical de percusión feito con canas de bambú, gomas e lixa. Lixar, suxeitar, probar, volver lixar... Aprendemos que para que un instrumento soe ben hai que ter paciencia e coidar cada paso.

Emilio tamén nos falou doutros instrumentos tradicionais como o pandero, a pandeira e a pandereta, explicándonos as diferenzas entre eles e como se empregan na música popular. Un dos momentos que máis nos sorprendeu foi cando nos mostrou pel de cabra, o material co que se elaboran as panderetas de maneira tradicional, e incluso nos deu un anaco para poder observalo e tocalo. Toda unha experiencia! 

Explicounos paso a paso como fai el mesmo as panderetas, desde a preparación da madeira ata a colocación da pel, facéndonos ver o valor do traballo artesanal e do saber que pasa de xeración en xeración.

E por se todo isto fose pouco, Emilio levou tamén unha buguina, que fixo soar diante de nós deixando a aula en silencio absoluto, e cunhas caras de sorpresa impresionantes. Explicounos que a buguina é un instrumento feito a partir dunha cuncha mariña, usado desde hai moitísimos anos en zonas costeiras. Antigamente empregábase para avisar, chamar á xente ou enviar sinais, xa que o seu son é moi potente e pode escoitarse a longa distancia. Unha curiosidade que nos encantou foi saber que non todas as cunchas soan igual e que hai que saber cortalas e soprar dun xeito moi concreto para que a buguina “cobre vida”.

Foi un obradoiro no que non só aprendemos música, senón tamén respecto pola tradición, polos materiais e polo tempo que leva crear algo coas propias mans. E, por suposto, saímos con ganas de facer soar os nosos carrizos e seguir descubrindo o marabilloso mundo da música tradicional.