jueves, 5 de febrero de 2026

CONCERTO DIDÁCTICO

Saída didáctica: A viaxe de Walt coa Sinfonía de Galicia.

Recentemente tivemos a oportunidade de vivir unha experiencia musical moi especial: asistir ao concerto A viaxe de Walt interpretado pola Orquesta Sinfónica de Galicia no Palacio da Ópera de A Coruña. Foi unha saída que combinou arte, emoción e aprendizaxe, e que quedará nos nosos recordos! 

A Orquesta Sinfónica de Galicia é unha das orquestras máis importantes de España, fundada en 1992 e con sede en A Coruña. Desde entón, promove a música clásica e contemporánea, achegándoa a públicos de todas as idades, especialmente ao público escolar através de iniciativas didácticas que fomentan a comprensión musical e a educación artística. 

O concerto A viaxe de Walt foi un espectáculo familiar pensado especialmente para o alumnado. A historia levounos a viaxar xunto a dous irmáns, Walt e Diana, que atopan un proxector máxico nun cine abandonado e viven a aventura de rescatar a Diana a través das películas máis queridas da factoría Disney. Esta proposta combina música sinfónica con narrativa, facendo a experiencia en directo máis accesible, divertida e significativa para nós. 

Foi emocionante escoitar aos músicos tocar en directo, ver como se constrúe unha peza musical e sentir como unha orquestra enteira pode crear sons tan variados e fermosos. Ademais, vivimos tamén a oportunidade de escoitar o silencio respectuoso do público e aprender a apreciar a música de forma activa e participativa, algo que non sempre nos achegamos a sentir nas aulas. 

Saír a vivir a cultura de forma tan directa é, sen dúbida, unha experiencia que enriquece o noso coñecemento artístico e fortalece o noso gusto pola música. Xa estamos contándolle aos compañeiros que aínda non foron… e esperamos repetir ben prontiño!


No hay comentarios:

Publicar un comentario