miércoles, 30 de septiembre de 2026

Unha pequena viaxe entre estrelas… sen saír da aula!

Esta semana vivimos na aula un deses momentos sinxelos que acaban converténdose en especiais. 

Mariña trouxo ao cole un proxector astronauta que transforma o teito e as paredes nun pequeno ceo cheo de luces, estrelas e nebulosas. Apagamos as luces, puxémonos cómodos e, durante uns minutos, a nosa clase parecía estar flotando no espazo. 

A experiencia gustounos tanto que quixemos compartila con alumnado doutras aulas do centro, que tamén puido achegarse a gozar deste pequeno recuncho do universo.

Pero esta actividade non foi só un momento bonito e relaxante. Está directamente relacionada co noso PDI deste curso, Couceiro Star: unha escola entre estrelas, co que pouco a pouco iremos descubrindo e investigando diferentes aspectos do espazo e da astronomía.

 E que aprendemos cunha actividade coma esta?

Observar aquelas luces permitiunos achegarnos ao espazo dunha maneira diferente: vivíndoo e sentíndoo. Falamos das estrelas, das cores que podemos observar no universo, das nebulosas e de como imaxinamos que sería contemplar o ceo desde unha nave espacial.

Tamén aproveitamos este momento para traballar algo igualmente importante: parar, observar e aprender a relaxarnos. Ás veces, aprender non significa escribir ou facer exercicios. Tamén aprendemos cando observamos con atención, cando deixamos voar a imaxinación, cando facemos preguntas ou simplemente cando gozamos xuntos dun momento de calma. 

Ademais, esta pequena experiencia espertou novas curiosidades:

Por que brillan as estrelas? Todas teñen a mesma cor? Que é unha nebulosa? Que poderiamos ver se viaxásemos polo espazo?

E precisamente iso é o que buscamos co noso proxecto: que cada experiencia nos leve a facernos novas preguntas e que cada pregunta se converta nunha oportunidade para investigar e aprender.

Durante uns minutos, a aula deixou de ser unha aula para converterse nun pequeno observatorio espacial. E descubrimos algo importante: para viaxar polo universo non sempre necesitamos unha nave espacial… ás veces só precisamos curiosidade, imaxinación e ganas de aprender. 

Seguimos a nosa misión en Couceiro Star! 












PROXECTO COMPETENCIAL.

UNHA NOVA MISIÓN PARA 4º DE PRIMARIA: PREPARADOS PARA DESPEGAR?

As nosas aulas están a piques de converterse nun auténtico centro de control espacial!

Este curso, desde a área de Proxecto Competencial, recibimos unha misión moi especial: investigar, descubrir, crear e aprender xuntos mentres viaxamos polo universo.

E, para comezar esta aventura, recibimos a nosa carta da misión.

Que nos conta a carta?

Na carta explicámoslles que foron seleccionados para formar parte dunha gran tripulación espacial. Ao longo do curso deberán superar diferentes retos e misións que lles permitirán prepararse para a súa viaxe polo espazo.

Non será unha viaxe na que simplemente teñamos que aprender cousas de memoria. Será unha aventura na que teremos que:
  • Investigar para descubrir novas cousas.  
  • Crear e buscar solucións orixinais.  
  • Cooperar cos compañeiros e compañeiras.  
  • Superar desafíos e aprender dos erros.
Cada reto será unha pequena misión e, cada vez que consigamos superar unha misión, deixaremos constancia dela no noso pasaporte espacial. 

Unha tripulación que aprende xunta

Nesta aventura teremos que traballar como unha verdadeira tripulación. Iso significa que será moi importante escoitar as ideas dos demais, repartir tarefas, axudarnos, tomar decisións, resolver problemas e aprender a traballar en equipo. Porque no espazo, igual que na escola, chegamos moito máis lonxe cando colaboramos.

O noso pasaporte espacial

O Pasaporte Espacial será o recordatorio de todo o que iremos conseguindo ao longo do curso. Cada misión superada terá o seu selo ou rexistro e, pouco a pouco, iremos enchendo o noso pasaporte coas experiencias, aprendizaxes e retos que consigamos superar.
Será a nosa maneira de mirar atrás e dicir:

Mira todo o que conseguimos.

Unha aventura que acaba de comezar...

Esta misión está pensada para que o alumnado sexa protagonista da súa propia aprendizaxe. Queremos que teñan curiosidade, que se fagan preguntas, que investiguen, que propoñan ideas e que descubran que aprender tamén pode ser unha auténtica aventura. E, por suposto, as familias tamén forman parte da tripulación. Acompañar, preguntar, escoitar as súas descubrimentos e animarlles cando apareza un desafío será unha estupenda maneira de formar parte desta viaxe.
Así que xa temos todo preparado...
  • Centro de control: activado.
  • Tripulación: preparada. 
  • Pasaporte espacial: en marcha.
  • Motor de aprendizaxe: a toda potencia!
Estamos preparados para despegar?



 

lunes, 28 de septiembre de 2026

DESPEGAMOS... 3,2,1!

Este curso iniciamos unha nova aventura co noso PDI "Couceiro Star: unha escola entre estrelas", que nos levará a descubrir e investigar diferentes aspectos relacionados co espazo e a astronomía.

Para comezar, quixemos partir dos intereses e coñecementos do alumnado. Por iso realizamos unha pequena chuvia de ideas arredor de dúas preguntas: Que sabemos sobre o espazo? e Que queremos saber? Cada neno e nena escribiu ou debuxou as súas achegas e, entre todos, fomos construíndo os nosos paneis de aula.

Xurdiron ideas, curiosidades e preguntas moi interesantes que se converterán no noso punto de partida para investigar, experimentar e aprender ao longo do curso.

A nosa viaxe entre estrelas acaba de comezar!