miércoles, 14 de octubre de 2026

Celebramos o Día do Patrimonio Cultural Inmaterial cun novo proxecto: O mapa sonoro de Pontedeume. Hai voces que nos acompañan toda a vida, cancións que nos transportan á infancia e historias que merecen seguir sendo escoitadas. 

O 17 de outubro celebramos o Día do Patrimonio Cultural Inmaterial, unha data que nos lembra a importancia de conservar as tradicións, os saberes e as expresións culturais que forman parte da nosa identidade.

E este ano, en Radio Falangueira, temos unha noticia moi especial que compartir! Formamos parte de PONTE... NAS ONDAS.
O noso centro foi seleccionado para participar no programa educativo PONTE... NAS ONDAS, unha iniciativa que une escola, radio e patrimonio cultural.
Este programa, nacido en 1995 da colaboración entre centros educativos de Galicia e do norte de Portugal, utiliza a comunicación e a participación do alumnado para recuperar, valorar e transmitir o patrimonio cultural inmaterial.
En 2022, o seu modelo educativo recibiu o recoñecemento da UNESCO ao ser incorporado ao Rexistro de Boas Prácticas de Salvagarda do Patrimonio Cultural Inmaterial. E agora Radio Falangueira tamén forma parte desta aventura.
Durante o curso 2026-2027 desenvolveremos o proxecto. O mapa sonoro de Pontedeum, unha proposta coa que queremos descubrir como soa a nosa vila e recuperar parte da súa memoria oral. Porque Pontedeume non é só o que vemos cando paseamos polas súas rúas. Pontedeume tamén é o que escoitamos, o que lembramos e o que contamos. Son as voces das persoas maiores, as cantigas populares, as historias dos nosos barrios e parroquias, as tradicións das festas, os sons dos oficios e as lembranzas de como era a vida noutras épocas. E queremos que todo iso teña un lugar na nosa radio.
Pequenos reporteros, grandes historias.
Ao longo do curso, o noso alumnado converterase en investigador, entrevistador e gardián da memoria sonora da nosa contorna.
Desde Educación Infantil ata Educación Primaria, desenvolveremos diferentes actividades adaptadas ás idades dos nenos e nenas. Aprenderemos a escoitar, preguntar, investigar, gravar e compartir.
Recolleremos testemuños, descubriremos tradicións e utilizaremos os recursos da nosa radio escolar para darlles voz ás persoas que teñen algo que contar.
Pouco a pouco, iremos construíndo un mapa sonoro colectivo, no que os diferentes lugares de Pontedeume estarán vinculados a sons, historias e lembranzas. Deste xeito, a nosa radio converterase nunha ponte entre o pasado e o presente, entre os maiores e os pequenos, entre a escola e a comunidade.
Familias, quermos  escoitarvos.
Para que este proxecto sexa realmente especial, precisamos a colaboración de toda a comunidade educativa. Convidamos ás familias, aos avós e avoas e a todas aquelas persoas que queiran participar a compartir connosco unha pequena parte da súa memoria.
  • Coñecedes algunha lenda de Pontedeume? 
  • Lembrades xogos tradicionais? 
  • Sabedes algunha cantiga popular? 
  • Como eran as festas de antes? 
  • Que sons e oficios lembrades da vosa infancia?
Calquera destas achegas pode converterse nunha valiosa peza do noso mapa sonoro.
Non buscamos grandes discursos nin historias extraordinarias. Ás veces, unha pequena lembranza contada coa voz de quen a viviu é o maior dos tesouros.
Ao longo do curso iremos propoñendo diferentes actividades e explicando como colaborar nas entrevistas e nas gravacións, sempre respectando a vontade e a autorización das persoas participantes.
Con este proxecto queremos que Radio Falangueira sexa moito máis ca un espazo para falar diante dun micrófono.
Queremos que sexa unha ferramenta para aprender, investigar, comunicarnos e conservar aquilo que nos fai únicos como comunidade. Porque as tradicións seguen vivas cando as compartimos e a memoria permanece cando hai alguén disposto a escoitala.



No hay comentarios:

Publicar un comentario