domingo, 25 de enero de 2026

UN OBRADOIRO PARA FACER SOAR A TRADICIÓN

Estes días tivemos a sorte de participar nun obradoiro moi especial no que puxemos as mans, os oídos e a curiosidade. Da man de Emilio Romero Fabal, achegámonos ao mundo dos instrumentos tradicionais e aprendemos que a música tamén se pode construír pouco a pouco… e con materiais ben sinxelos.

Durante o obradoiro elaboramos un carrizo, un instrumento musical de percusión feito con canas de bambú, gomas e lixa. Lixar, suxeitar, probar, volver lixar... Aprendemos que para que un instrumento soe ben hai que ter paciencia e coidar cada paso.

Emilio tamén nos falou doutros instrumentos tradicionais como o pandero, a pandeira e a pandereta, explicándonos as diferenzas entre eles e como se empregan na música popular. Un dos momentos que máis nos sorprendeu foi cando nos mostrou pel de cabra, o material co que se elaboran as panderetas de maneira tradicional, e incluso nos deu un anaco para poder observalo e tocalo. Toda unha experiencia! 

Explicounos paso a paso como fai el mesmo as panderetas, desde a preparación da madeira ata a colocación da pel, facéndonos ver o valor do traballo artesanal e do saber que pasa de xeración en xeración.

E por se todo isto fose pouco, Emilio levou tamén unha buguina, que fixo soar diante de nós deixando a aula en silencio absoluto, e cunhas caras de sorpresa impresionantes. Explicounos que a buguina é un instrumento feito a partir dunha cuncha mariña, usado desde hai moitísimos anos en zonas costeiras. Antigamente empregábase para avisar, chamar á xente ou enviar sinais, xa que o seu son é moi potente e pode escoitarse a longa distancia. Unha curiosidade que nos encantou foi saber que non todas as cunchas soan igual e que hai que saber cortalas e soprar dun xeito moi concreto para que a buguina “cobre vida”.

Foi un obradoiro no que non só aprendemos música, senón tamén respecto pola tradición, polos materiais e polo tempo que leva crear algo coas propias mans. E, por suposto, saímos con ganas de facer soar os nosos carrizos e seguir descubrindo o marabilloso mundo da música tradicional.

































RECREO CON CHOIVA

Hai días nos que o ceo decide que é mellor quedar baixo teito. Nun deses recreos pasados por auga, non puidemos saír ao patio por culpa das inclemencias meteorolóxicas. Pero xa se sabe: cando non hai patio… hai creatividade a moreas na aula.

Aproveitamos ese tempo para facer uso dos materiais dos polos creativos que temos dispoñibles, e o recreo transformouse nun espazo de xogo, aprendizaxe e moita concentración.

Un dos grandes protagonistas foi o Kapla, un xogo de construción que, con pezas todas iguais, permite crear estruturas sorprendentes. Traballamos o equilibrio, a paciencia, a coordinación e a planificación. Porque no Kapla non vale correr: se te apuras… a torre cae (e hai que volver empezar, que tamén é aprender.

Tamén houbo tempo para as construcións de Lego, onde a imaxinación non ten límites. Casas, robots, vehículos imposibles… Cada creación é diferente e fomenta a creatividade, a resolución de problemas e o xogo cooperativo.

Para quen preferiu un momento máis tranquilo, o debuxo libre converteuse nun espazo para expresar ideas, emocións e historias a través das cores e das formas. Debuxar tamén é pensar, crear e comunicarse.

E non podían faltar as construcións con bloques magnéticos, que permiten experimentar con formas xeométricas, volumes e estruturas dun xeito manipulativo e moi atractivo. Aquí a ciencia e o xogo danse a man.

Así foi o noso recreo sen patio: diferente, creativo e moi aproveitado. Porque ás veces a choiva impide saír fóra… pero abre a porta a novas maneiras de xogar e aprender dentro.



lunes, 19 de enero de 2026

RESUMO TEMA 3 SOCIAIS

 


FAROS GALEGOS

 



FAROS GALEGOS

FAROS DE GALICIA

RUTA DOS FAROS

EJERCICIOS REPASO LENGUA

PALABRAS DERIVADAS

SUSTANTIVOS COMUNES Y PROPIOS 

SUSTANTIVOS COMUNES Y PROPIOS

RESUMO TEMA 5 LINGUA

 


A NOSA CANCIÓN

No noso obradoiro de lectura seguimos descubrindo que ler non é só abrir un libro. Ler tamén é escoitar, sentir, pensar e falar do que nos pasa por dentro. Por iso, nesta ocasión imos traballar cunha canción moi especial: “Cuando te quieras marchar” de Paul y Leire.

Escollemos esta canción porque fala de algo moi importante para todas as persoas, grandes e pequenas: a necesidade de ter alguén ao noso lado, alguén con quen compartir as nosas inquedanzas, os nosos medos e tamén as nosas alegrías. A canción recórdanos que non pasa nada por sentirse triste ou perdido ás veces, e que pedir axuda é un acto de valentía.

No obradoiro de lectura empregamos cancións como ferramenta de lectoescritura porque conectan facilmente co alumnado. A música axúdalles a comprender mellor o texto, a lembrar palabras novas, a interpretar emocións e a expresar opinións. Ademais, ler letras de cancións fai que a lectura resulte máis próxima, máis motivadora e, por que non dicilo, máis divertida.

A través desta metodoloxía traballamos a comprensión lectora, o vocabulario e a expresión oral, pero tamén algo igual de importante: a educación emocional. Falamos do que sentimos, escoitamos aos demais e aprendemos que compartir o que nos preocupa fai que pese un pouco menos.

Agardamos que esta canción vos guste tanto coma a nós. Porque ás veces, unha letra, unha melodía e unha boa conversa poden ser o mellor abrigo cando alguén sente ganas de marchar… pero decide quedar.




OS NOSOS TRABALLOS

Hoxe queremos compartir convosco un pequeno vídeo no que se recollen algúns dos traballos que o alumnado realizou na área de Plástica. Son creacións feitas con moita ilusión, paciencia e, sobre todo, moita imaxinación.

Un dos protagonistas é un tiburón elaborado con papel de xornal. Pero non é un tiburón calquera… é un tiburón único! Porque, igual que pasa coas persoas, non hai dous iguais. Cada neno e nena achegou o seu toque persoal: uns máis grandes, outros máis pequenos, algúns con dentes moi afiados e outros cun sorriso case simpático. Todas as creacións amosan as diferentes maneiras de ver, sentir e crear, e iso é o que fai o traballo tan especial.

No vídeo tamén se pode ver o noso traballo de clasificación das follas que o alumnado vai traendo á aula. Observámolas con lupa de expertos e aprendemos a ordenalas segundo a súa forma e segundo o seu bordo (liso, dentado, ondulado…). Así descubrimos que a natureza é moi variada e que, igual que na arte, a diversidade tamén é unha riqueza.

Agardamos que vos guste este pequeno resumo do noso traballo. Premede o play e preparádevos para ver tiburóns que non meten medo, follas moi interesantes e un montón de creatividade en acción. Iso si… advertimos que pode dar ganas de coller papel, tesoiras e poñerse a crear!



jueves, 15 de enero de 2026

DÍA DA PAZ 2026

O vindeiro 29 de xaneiro no noso cole imos celebrar unha data moi especial: o Día Escolar da Non Violencia e da Paz. E como nos gusta aprender facendo cousas bonitas e divertidas, este ano imos facelo cantando a canción “Paz, paz” de Juanes. Porque xa se sabe… se algo se pode dicir cantando, queda moito mellor!

Nestes momentos nos que escoitamos nas noticias palabras que non nos gustan nada —guerras, conflitos, enfados grandes—, nos centros educativos queremos lembrar algo moi importante: a paz tamén se aprende. Apréndese cando compartimos, cando pedimos perdón, cando resolvemos un problema falando e non berrando, e cando respectamos a quen pensa diferente. E se empezamos desde pequenos, temos máis posibilidades de construír un mundo con menos discusións e máis apertas .

Así que o día 29 cantaremos ben forte, con ritmo, sorriso e moitas ganas, para que a nosa mensaxe chegue lonxe: queremos un mundo en paz. A ver se entre todas e todos conseguimos que a palabra máis repetida non sexa “guerra”, senón “paz, paz… e un pouco máis de paz”. E se ademais desafinamos un pouquiño… non pasa nada, porque a intención é o que conta.