lunes, 19 de enero de 2026

A NOSA CANCIÓN

No noso obradoiro de lectura seguimos descubrindo que ler non é só abrir un libro. Ler tamén é escoitar, sentir, pensar e falar do que nos pasa por dentro. Por iso, nesta ocasión imos traballar cunha canción moi especial: “Cuando te quieras marchar” de Paul y Leire.

Escollemos esta canción porque fala de algo moi importante para todas as persoas, grandes e pequenas: a necesidade de ter alguén ao noso lado, alguén con quen compartir as nosas inquedanzas, os nosos medos e tamén as nosas alegrías. A canción recórdanos que non pasa nada por sentirse triste ou perdido ás veces, e que pedir axuda é un acto de valentía.

No obradoiro de lectura empregamos cancións como ferramenta de lectoescritura porque conectan facilmente co alumnado. A música axúdalles a comprender mellor o texto, a lembrar palabras novas, a interpretar emocións e a expresar opinións. Ademais, ler letras de cancións fai que a lectura resulte máis próxima, máis motivadora e, por que non dicilo, máis divertida.

A través desta metodoloxía traballamos a comprensión lectora, o vocabulario e a expresión oral, pero tamén algo igual de importante: a educación emocional. Falamos do que sentimos, escoitamos aos demais e aprendemos que compartir o que nos preocupa fai que pese un pouco menos.

Agardamos que esta canción vos guste tanto coma a nós. Porque ás veces, unha letra, unha melodía e unha boa conversa poden ser o mellor abrigo cando alguén sente ganas de marchar… pero decide quedar.




No hay comentarios:

Publicar un comentario